Wednesday 24 de April de 2024

Un centenar de nenos e nenas da Coruña abordan coa alcaldesa os retos das mulleres no Día Internacional da Muller


Alumnado dos colexios Curros Enríquez e María Barbeito realizaron as súas preguntas para reflexionar sobre a igualdade

Inés Rey puxo en valor a educación en igualdade como piar dun futuro igualitario

O Concello da Coruña celebrou esta mañá o Día Internacional da Muller, 8 de marzo, cun acto no Salón de Sesións do Palacio de María Pita.

Participaron preto de 100 nenos e nenas de 5º e 6º de primaria dos colexios Curros Enríquez e María Barbeito. O alumnado realizou diferentes preguntas sobre as medidas de igualdade levadas a cabo polo Goberno local así como persoais co obxectivo de reflexionar sobre o papel das mulleres na vida política.

A alcaldesa, Inés Rey, respondeu as cuestións dos alumnos e alumnas xunto coa concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación Cidadá, Yoya Neira. A rexedora puxo en valor a importancia dunha educación en igualdade como garantía dun futuro máis igualitario. “Vós sodes o futuro pero tamén o presente da nosa sociedade e precisades unha maior educación en igualdade para acadar ese futuro no que os homes e as mulleres teñamos as mesmas oportunidades” sinalou Inés Rey. Entre as preguntas realizadas polo alumnado xurdiron cuestións como a diferenza entre ser alcalde ou alcaldesa, que máis se pode facer pola igualdade e diversas reflexións sobre o uso das redes sociais.

Tamén lle preguntaron á alcaldesa polas súas referentes femininas. A rexedora destacou a Concepción Arenal como unha figura clave no seu desenvolvemento profesional. “Concepción Arenal foi unha muller que tivo que disfrazarse de home para poder acceder á carreira de dereito e dedicarse ao exercicio da abogacía, e foi unha figura que marcou a miña carreira profesional, estudando dereito e sendo avogada antes de dedicarme á política” explicou a alcaldesa. A actividade finalizou cun acto simbólico na praza de María Pita na que alumnas e alumnos recolleron globos de cor violeta, cor representativa da igualdade entre homes e mulleres.

Programación do Concello da Coruña con motivo do Día Internacional da Muller

O Concello da Coruña celebra o Día Internacional da Muller baixo o lema “Pintamos, e moito”, cunha programación de catro semanas con actividades e eventos para todos os públicos e idades. Todas son gratuítas agás os ciclos de cinema, que terán prezos con desconto para a mocidade, maiores de 65 e desempregados.

Entre as actividades destacan conferencias e encontros con mulleres referentes como a artista Yolanda Domínguez e a xornalista deportiva Danae Boronat, que terán lugar o 15 e 17 de marzo respectivamente de 19.00 a 20.30 h no Centro Sociocultural Ágora. A cineasta Mabel Lozano ofrecerá unha conferencia o 20 de marzo na sala de cine de Marilyn Monroe do Fórum Metropolitano, de 19.00 a 20.30 h mentres que a artista Lola Vendetta dirixirá un obradoiro o 30 de marzo na aula do centro comercial Marineda, de 19.00 a 20.30 h. Todas as charlas e conferencias son con entrada de balde ata completar capacidade.

A partir do 10 de marzo e ata o día 28 poderase ver na rúa Compostela unha exposición da fotógrafa e activista canadense Nancy Durrell McKenna, que amosa o seu traballo das últimas décadas para mellorar a saúde reprodutiva das mulleres no Terceiro Mundo. E no Centro Sociocultal Ágora está prevista a actuación do grupo “De Vacas” o 24 de marzo, tamén con entrada de balde ata completar capacidade.

Ademais, do 22 de marzo ao 2 de abril de 2023 presentarase nos Cantones Cines a IMostra Internacional de Cinema por Mulleres A Coruña. Trátase de 20 películas -10 españolas e 10 internacionais- dirixidas por mulleres e realizadas entre 2021 e 2022. Entre as españolas está “Cinco Lobitos”, con tres premios Goya e tamén galardoada nos Feroz e nos Premios Forqué. As 10 longametraxes internacionais proveñen de Alemaña, Colombia, Eslovaquia, Estados Unidos, Dinamarca, Marrocos, México, Siria, Suecia e unha coprodución de Turquía e Ucraína. A esta cita cinematográfica súmase o ciclo de cinema internacional no Fórum baixo o título “Retallos de muller” do 2 ao 31 de marzo e o ciclo teatral “Sen numerar” ofrecerá no mesmo recinto o día 31 de marzo a obra “Ifixenia na porta do Súper”.

Ás actividades culturais súmase a primeira carreira popular deste ano do circuíto Coruña Corre coa carreira e andaina solidaria -a beneficio do programa de Cruz Vermella para mulleres en dificultade social- que se levará a cabo o 18 de marzo a partir das 20.00 horas e
que se integra dentro da XI Carrera Popular Torre de Hércules.

Tamén están programados obradoiros sobre mulleres artistas entre o 6 e o 14 de marzo en distintos colexios da cidade para alumnos de 5º e 6º de primaria. Os talleres culminarán cun gran encontro intercentros dos participantes que terá lugar o día 31 no Ágora. O día 8 de marzo haberá actividades educativas para distintas idades na Escola Intercultural da UAMI e nos espazos de atención á Infancia (Canguros Municipais). Entre as actividades para escolares destaca o teatro para mozos e mozas de 4º da ESO, 1º de Bacharelato e FP no Ágora o 24 de marzo coa obra “Pilgrims”, de Redrum Teatro.